Galicia

Sonia Blanco, investigadora de Universidade de Vigo desenrola un método de deteción temperá do cancro de pulmón

Sonia BLanco cos profesores María Páez de la Cadena Tortosa e Francisco Javier Rodríguez Berrocal
Sonia BLanco cos profesores María Páez de la Cadena Tortosa e Francisco Javier Rodríguez Berrocal

A tese de doutoramento da investigadora de Universidade de Vigo  Sonia Blanco, dirixida polos profesores María Páez de la Cadena Tortosa e Francisco Javier Rodríguez Berrocal presenta o desenvolvemento dun panel de biomarcadores para a detección de pacientes con sospeita clínica de cancro de pulmón

A investigadora desenvolveu este proxecto en colaboración coa Unidade de Diagnose Rápida de Cancro de Pulmón do Servizo de Neumoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).

Segundo informa a Universidade, esta patoloxía é responsable do 20% das mortes por cancro, polo que esta unidade médica trata de “definir a poboación idónea, entre aqueles individuos con sospeita de cancro pulmonar, que deberían entrar na vía rápida e someterse ás probas diagnósticas específicas sen demora”. Neste contexto, Sonia Blanco centrouse en obter un panel de marcadores séricos e en desenvolver un modelo de clasificación de cancro de pulmón para “poder predicir a presenza desta patoloxía en pacientes con sospeita clínica”.

Sensibilidade do 95%

A investigadora explica que o panel e o algoritmo ofrecen unha eficiencia diagnóstica “que mellora a doutros estudos deste tipo, e incluso a dos test que se ofertan de modo comercial, sendo a súa aplicación sinxela e de baixo custe”. O panel de biomarcadores presenta unha sensibilidade do 95% e unha especificidade do 65%, o que significa segundo Blanco, “que o 95% dos casos de cancro examinados son clasificados correctamente co noso algoritmo”.

A científica engade que dentro dos pacientes con enfermidade en estadio temperá I, tamén o 95% son ben asignados ao grupo de cancro. Por outro lado, aproximadamente o 80% de individuos sans serían ben clasificados con este modelo, mentres que para o grupo de individuos control con algunha patoloxía benigna de pulmón esta cifra diminúe ao 53%.

También te puede interesar