Traballadores do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) desenvolveron este mércores unha mobilización nos hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro para “rexeitar os intentos por parte da Xerencia de censurar as críticas pola falta de persoal ou polos problemas na xestión”.
As mobilizacións convocadas pola Xunta de Persoal do Chuvi desenvolvéronse ás 11 da mañá no Cunqueiro e a 1 da tarde no Meixoeiro e nelas participaron varias ducias de traballadores. A decisión adoptouse despois de coñecer que o xerente da EOXI de Vigo, Félix Rubial, vén de remitir unha circular a todas as xefaturas de servizo, unidade e persoal subalterno e ás persoas responsábeis de supervisión anunciando a retirada das mensaxes que, en diferentes puntos dos hospitais, denuncian carencias de persoal e xestión.
Ao mesmo tempo, o comunicado advirte da posibilidade de que se impoñan sancións no caso de que os carteis e os avisos volvan aparecer nos corredores dos centros médicos.