A concellería de Benestar Social de Ponteareas vén de comunicar que o prazo para a presentación de solicitudes de praza na Escola Infantil Municipal para o curso 2016/2017 estará aberto dende o 14 de marzo até o 15 de abril, ámbolos dous días inclusive.
Todos os pais e nais que teñan fillos e fillas entre os 3 meses e os 3 anos de idade, é dicir, os nados a partir de xaneiro de 2014, poderán solicitar praza, sendo tamén posible inscribir a nenos e nenas con discapacidade física, psíquica ou sensorial.
Os impresos poderán ser recollidos no Edificio da Escola Infantil Municipal, situada na rúa Escritor Domínguez Benavides, número 1, ou cubertos en liña a través da web municipal.
Unha vez completados, os formularios deberán ser entregados no Rexistro do Concello de Ponteareas en horario de 09:00 a 13:00 horas, de luns a venres, achegando a documentación solicitada.