Carmela Silva, salientou este martes, na presentación das segundas xornadas do Clúster de Turismo de Galicia-que se celebrarán este xoves, día 17 no Auditorio Mar de Vigo (dende as 10 da mañá), as potencialidades que aínda teñen as Rías Baixas e a provincia para incrementar as visitas turísticas.
A presidenta da Deputación, xunto co alcalde e os representantes do Clúster, Diego Otero e César Ballesteros, salientou a importancia destas xornadas que teñen como denominación “Obxectivo 5 millóns. Retos e oportunidades da comercialización e tecnoloxía do destino Galicia”.
Silva comentou que a iniciativa “espertou grande interese xa que se aumentou o número de inscritos ate os 35o cando estaba previsto que foran 300 os participantes” e que a mesma permitirá os asistentes coñecer as novas estratexias de comercialización e os novos modelos tecnolóxicos para acercarse os mercados de interese, entre outras cuestións que serán abordadas en diversas charlas e mesas redondas.
A Presidenta da Deputación engadiu que a elección de Vigo para esta celebración debíase precisamente a que “as Rías Baixas, Vigo e as Illas Cíes son os destinos máis visitados de Galicia despois da catedral de Santiago”.
Para Silva é importante a posición que ten a provincia en materia turística pero recoñeceu que aínda son moitas as potencialidades por desenvolver. Así destacou todo o vinculado co turismo verde, o enoturismo, o sendeirismo, o termalismo o patrimonio cultural, arquitectónico e gastronómico da provincia, como os eixos das potencialidades que deben explorarse para ofrecer “os nosos visitantes unha oferta variada e moi completa de actividades para coñecer todos os recunchos da provincia”.
Precisamente, a Deputación traballa nun plan integral de turismo para toda a provincia, que permita fixar os obxectivos a medio e longo prazo e coordinar os recursos existentes.