Galicia

As vendas do marisqueo en Galicia no 2015 superaron as 7.400 toneladas cunha facturación de máis de 66,5 millóns

percebesO director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica destacou este mércores, no Parlamento, que no 2015 as vendas do marisqueo en Galicia superaron as 7.400 toneladas e supuxeron unha facturación en primeira venda de máis de 66,5 millóns de euros. Este valor económico, subliñou, foi un 14% superior ao acadado en 2014.

Juan Maneiro explicou que os datos de facturación do ano pasado tamén son mellores que a media dos últimos cinco anos e atribuíu esta melloría a diferentes factores como “o plan de recuperación de zonas improdutivas que vén desenvolvendo a Consellería do Mar”. Esta acción, sinalou, contou entre o 2010 e o 2015 cunha inversión de case que 5 millóns de euros que permitiu acometer, xunto coas confrarías e agrupacións, un total de 170 proxectos que permitiron recuperar preto de 8 millóns de metros cadrados. Outros factores que citou o director xeral son a diminución da incidencia do furtivismo e o incremento dos permisos de marisqueo.

No caso do marisqueo a flote, o director xeral trasladou que as vendas acadaron máis de 4.500 toneladas e máis de 38 millóns de euros de facturación. Nesta modalidade, dixo, as vendas increméntanse en preto dun 29% en cantidade e nun 9,5% en importe respecto a 2014. En canto ao marisqueo a pé, subliñou o director xeral, o ano pasado facturou máis de 25 millóns de euros coas vendas de máis de 2.600 toneladas. Neste caso, a cantidade vendida aumentou en máis dun 14% e o importe en máis dun 15% con respecto a 2014. Ademais no total de vendas inclúese a categoría de outras vendas de bivalvos e percebe, que supuxeron máis de 350 toneladas cun valor económico de 3 millóns de euros.

You may also like