Comarcas

Uns 380.000 euros para o desenvolvemento de proxectos en Pazos de Borbén

carmela-pazos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo este mércores a súa primeira visita institucional ao concello de Pazos de Borbén, onde se comprometeu co Goberno municipal a prestar toda a colaboración posible para traballar de forma conxunta nos proxectos que se teñen pendentes neste municipio.

Este ano, Pazos de Borbén recibirá a través do Plan Concellos da Deputación preto de 380.000 euros, un 11,12% máis que o ano anterior, que o municipio poderá destinar a financiar emprego, investimentos, actividades e gasto corrente. Na actualidade, a institución provincial adxudicou xa máis do 40% do importe que lle corresponde a Pazos de Borbén, algo máis de 155.000 euros que o concello está a investir en gasto corrente, eventos deportivos e lúdicos e contratación de 20 traballadoras e traballadores.

Durante a súa reunión co alcade, Andrés Iglesias, Silva recoñeceu a dificultade de xestionar os escasos recursos dos municipios máis pequenos, polo que ademais do incremento do Plan Concellos a Deputación está a elaborar plans de actuación en todas as áreas como deportes, turismo, cultura ou política social.

You may also like