Luis Tosar é máis que López en ‘Toro’, participa tamén como coprodutor a través de ZircoZine. Esa é unha das razóns polas que a película está rodada en Vigo, “era condición indispensable”. Tiñan claro que conseguir un porto como o vigués non era doado, con “esas dimensións, con esa tranquilidade, con liberdade case total para rodar”, por iso asegura que todo o que achega Galicia nesta produción “fai medrar a película”.
Vigo era o escenario ideal porque concordaba á perfección co look que se buscaba na película, tiña unha “estética perfecta para o universo ficticio” creado por Maíllo, “unha cidade urbanisticamente tan bizarra tiñan moito que ver co que viñamos rodando anteriormente. Crear un pequeno decorado dun restaurante chino no porto en medio desa paisaxe cheo de coches aparcados eran ambientes moi particulares. Isto en Lugo era difícil facelo”, bromea Tosar.
Para o actor lucense este tipo de colaboracións interrexionais non son o futuro do cine español, “é case a unica forma de facer películas hoxe en día, porque ou fas películas moi pequeniñas, case de guerrilla pura para que as poidas financiar dun xeito moi sinxelo con pouco orzamento, ou se queres engordar un pouco o proxecto tes que empezar a meter socios de todos lados”.
Nesta ocasión, a Luis Tosa tócalle protagonizar a López, “un cantamañanas, un desastre, un buscavidas, un perdedor nato que nunca acaba de perder. Un tipo persoalmente moi despreciable que tampouco ten moitos miramentos á hora de enganar ao seu propio irmá ou a súa filla”. Pero non terá moito tempo para seguir afondando nel: o vindeiro 9 de maio comeza a rodaxe da historia dos últimos de Filipinas.