A Leira de Alicia, un dos espazos emblemáticos do Festival de Cans, que cada ano acolle o coloquio co director convidado da edición, pasará a ter programación continuada nos días principais do certame, o 20 e 21 de maio. Acollerá o Espazo Mahou, empresa que confirmou a súa continuidade como principal patrocinador privado do festival por segundo ano consecutivo. Será unha zona pensada para a conversa tranquila e como un punto de encontro entre profesionais e co público, con carpa e escenario, onde se programarán diferentes actividades relacionadas co cinema e a música.
Os contidos articularanse sobre dous eixos: encontros de cineastas e actuacións musicais, que complementan as proxeccións audiovisuais do Jalpón de Alicia. Ademais do director e directora do coloquio na leira deste ano, por alí pasarán todos os curtametraxistas da sección oficial a concurso. Será nun formato informal denominado ‘Dalle caña’, creado como punto de encontro dos novos creadores e destes co público, ao tempo que toman tranquilamente unhas cervexas servidas por expertos tiradores.
O apartado musical, pensado en formato acústico para recuperar o ritmo lento da conversa no medio do frenesí do Festival, abrirá o venres cun concerto sorpresa promovido por Mahou. Só terá un aforo para 450 persoas e buscará que haxa público en Cans xa na tarde do venres 20 de maio, antes do desfile de chimpíns e o comezo da Noite das Homenaxes. Ao longo do sábado haberá máis música, con concerto do mítico Joao Tomba reencarnado no músico vigués Indy Tumbita, logo de presentar o documental ‘Joao Tomba, el regreso’ no Jalpón de Alicia.
Ademais haberá sesión de DiscoChimpín ao longo da tarde, pensada como sesión de música contada, de arqueoloxía musical sobre a música ye-yé en Galicia, con numerosos grupos inéditos que nos descubrirá Dj Shy Boy, ou sexa Alfonso Espiño (cantante de Los Chavales), un experto na materia sobre a que ten realizado un amplo estudo. Así mesmo, rescatará varias curtametraxes musicais dos anos 60 e 70 que se crían perdidas, pequenas xoias audiovisuais que se recuperarán en Cans e serán proxectadas no Jalpón de Alicia.
Deste xeito énchese de actividade un dos espazos máis emblemáticos do festival, cedido pola veciña Alicia Sánchez, a colaboradora de maior idade do certame. Ten 88 anos e cada ano recibe con entusiasmo a toda a xente que pasa pola súa leira e polo seu Jalpón, que este ano terán especial protagonismo. É por iso que o festival quixo renderlle unha pequena homenaxe nas súas camisolas de edición limitada, deseñadas en honor ela, cun debuxo da súa cara e co lema ‘Alicia Calidade’.
Ambos os dous días, venres e sábado, a leira permanecerá activa ata case a medianoite, momento no que a vitalidade do certame se concentrará no Torreiro como nas anteriores edicións.
400 entradas vendidas
O Festival de Cans leva xa 400 entradas vendidas para a súa sección oficial dos 500 packs de entrada entrada+camiseta (con chapa e catálogo de agasallo) postos á venda na súa tenda on line cunha oferta de lanzamento de 20€ e que dentro duns días o prezo subirá a 27€.