Un home alienado nunha sociedade gris, decrépita, subordinada ao deus do capital, nun mundo hostil á creatividade e nocivo contra a natureza. Así é o home de ‘Alambradas’, a obra que a Compañía David Fernández Rivera trae esta tarde (19 horas) á AVV CD ‘Castrelos’ Monte da Mina dentro do programa Vigo a escena 2010. O espectador asistirá a 75 minutos nos que se explicará a humanidade actual “nos seus últimos estadios de degradación moral tanto para sí mesmos como para o seu contorno”, aínda que a tempo de salvarse. Pero onde se atopa esa salvación?
O espectáculo combina danza, coreografías con armas brancas e fachos. A forza da súa plasticidade e colorido é coma un cadro ao óleo que cobra vida ante nosoutros para removernos e facernos partícipes do problema e da súa solución, recordando na súa execución ao teatro pánico.