Galicia rinde hoxe homenaxe non só a un dos seus poetas máis extensos, senón tamén a un dos expoñentes do activismo político dos anos 60. Manuel María é o protagonista do Día das Letras Galegas, un lucense que dende ben novo soubo representar a conciencia de Galicia, a súa dimensión cultural e popular, o seu apego pola terra e as súas xentes.
Nado en Outeiro de Rei en 1929, en 1950 publica o seu primeiro poemario, ‘Muiñeiro de brétemas’, o primeiro libro en galego tras a Guerra Civil. Cunha importante conciencia política, nos anos 60 e 70 participou na organización de partidos políticos nacionalistas na clandestinidade e chegou a ser elixido concelleiro de Monforte polo BNG.
Entre os seus poemarios detacan ‘Terra Chá’ (1954), ‘Mar maior’ (1963), ‘Cancións do lusco ó fusco’ (1970), ‘Poemas ó outono’ (1977), ‘Escolma de poetas de Outeiro Rei’ (Xerais 1982), ‘Compendio de orballos e tristezas’ (1991) ou ‘Poemas a Compostela’ (1993). Obras que van do existencialismo a un pesimismo radical cara unha poesía que racha tanto no formal como na súa temática con esa liña subxectiva para comprometerse coa realidade social e con Galicia.