É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO Festival de Cans quenta motores
Todo listo para a esmorga que chegará da man do Festival de Cans esta fin de semana. Para ir quentando motores, Pedro Rivero e Enrique San Francisco presentaron ‘Psiconautas’, unha “fantasía negra realista de animación para adultos”. O filme estréase este xoves en Galicia ante o público do festival (20 h) e que chega a Porriño co Premio Lurra Green Peace do Festival de San Sebastián e o de Mellor Película de Animación no Golden Kuker-Sofia e o Stuttgart Film Festival.
Adianto do que chega este venres 20
Este venres o Festival de Cans terá unha xornada marcada pola posta en valor dos creadores e creadoras galegas e polas propostas musicais. Unha delas, a de Iván Ferreiro, que estará en concerto as 20.00 h na Leira de Alicia-Espazo Mahou, con acceso libre ata completar aforo limitado a 400 persoas. As pulseiras para poder entrar poderán recollerse a partir das 17 h no posto de merchandising do festival.
Pola súa banda, Óscar D’Aniello chega a Cans de estrea total: presentará o seu documental “Ciao Pirla!”, que narra a súa emotiva odisea en bicicleta dende Barcelona ata Milán para levar as cinzas do seu pai ao seu lugar de orixe e o seu novo proxecto musical, Delafé, con disco incluído.
Ademais, a xornada estará empapada dende primeira hora de cinema por todas partes posibles, pero tamén de radio, xa que Ángel Carmona emitirá ‘Hoy empieza todo’ de Radio 3 dende Cans a partir das 07 h. Durante o programa haberá un almorzo preparado polo barista Oscar de Toro con produtos amparados pola marca con bollería do chef Iván Méndez.
Ás 1000 h dará comezo a estrea das mellores curtametraxes feitas por escolares en Cans do Futuro, media hora despois a industria darase cita nun encontro aberto da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia CREA con Jorge Coira e Alexia Muíños.
Noite das homenaxes
Coa noite, chegan as estrelas a Cans. A partir das 22 h no Torreiro, Keka Losada e Federico Pérez farán entrega do Premio Pedrigree’16 á productora Emma Lustres, unha figura clave no cinema galego actual a través da súa empresa Vaca Films. Xa cunha longa traxectoria, ten colleitado grandes éxitos para as súas producións proporcionándolle unha gran visibilidade a numerosos profesionais galegos. O festival quere recoñecer a súa sólida carreira e sobre todo a súa labor como impulsora dos profesionais galegos, tanto directores, como técnicos ou actrices e actores e novos realizadores.
Do mesmo xeito, a organización do festival fará entrega dos Chimpíns de Prata ‘Premio Pepe Puime’ a Chelo Fortes e Manolo Cid, donos da “Casa do Cid”, que prestan apoio loxístico durante os días do evento para que alí poidan xantar os convidados do festival e ten feito en sucesivas edicións de cociña, sala de prensa, almacén ou lugar de reunión do xurado. Tamén se entregará este premio a Xurxo Souto (A Coruña, 1966) escritor, guionista e coñecido sobre todo como músico e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto. Souto realiza un roteiro sonoro pola parroquia, que este ano repetirá con sorpresas durante a mañá do sábado do festival.
Tamén farán entrega do premio á mellor obra da Can Parade, ao mellor videoclip e se proxectarán o making of de Cans 2015, “O ano da ducia” -de Roi Guitián e María Lobo-, e o trailer do “Proxecto bar”, unha iniciativa cun obxectivo dobre: rescatar a memoria dos bares que están pechados na aldea e estimular ás veciñas e veciños de Cans para que se lancen á produción audiovisual.