O Goberno de Galicia ven de convida ao Concello a adherirse ao Programa de vivendas baleiras posto en marcha polo executivo para mobilizar dese xeito os inmobles desocupados do Casco Vello e poñelos á disposición das familias en dificultades. Así llo trasladou o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, á concelleira de Urbanismo de Vigo, María José Caride, na que lle reitera a necesidade de apostar pola colaboración institucional para atender as necesidades sociais.
O director do Instituto Galego da Vivenda e Solo sinala que para o uso destas vivendas desocupadas do Casco Vello con destino a casos de especial vulnerabilidade, o procedente é que o Concello se adhira ao Programa de vivendas baleiras, que responde ao convenio asinado entre o Goberno galego e a Federación Galegfa de Municipios e Provincias (Fegamp), e que ten como obxectivo mobilizar as vivendas de particulares, empresas e organismos que se atopan desocupadas.
García indica que, por parte do Executivo autonómico, financiaranse unha serie de garantías: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas, que inclúe asistencia e defensa xurídica. Deste xeito, as vivendas poderán ser incorporadas a dito programa contando coas referidas garantías para ser destinadas a alugueiros sociais
Ademais, o director sinala que o Goberno está en trámites para acceder ás vivendas baleiras desocupadas que a Sareb lle ofreceu ao Concello nunha oferta que a Administración local desatendeu.
Na carta, o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo expresa a súa preocupación pola falta de resposta das autoridade locais de Vigo, sendo a administración galega a que atende sen apoio todos os casos de desafiuzamento que se lle presentan, e tendo que recorrer mesmo a vivendas en municipios próximos.
Por outra banda, lembra que a normativa impide manter durante máis de 4 anos vivendas sociais deshabitadas, e sinala que neste tempo o propio Concello solicitou ao Goberno de Galicia a adxudicación de vivendas autonómicas a vítimas de malos tratos.
Por último, lémbralle ás autoridades viguesas que a colaboración entre administracións e a utilización e aproveitamento dos instrumentos que existen é a única maneira de conseguir unha maior eficacia na solución dos problemas dos cidadáns.