Dende finais de xuño poderás mergullarte no mundo do teatro a través dos obradoiros monográficos de verán organizados polo servizo de Educación do Concello de Vigo e a Escola Municipal de Teatro.
Son tres talleres especializados en diferentes áreas teatrais eminentemente prácticos destinados a maiores de 15 anos, da igual que sexan amateurs, actores, actrices, animadores teatrais, directores teatrais, bailaríns ou afeccionados ao teatro.
Os interesados poden facer a inscrición na Escola Municipal de Teatro (Avenida de Castelao, 87) de 17 a 20 horas de luns a venres presentando o impreso da preincrición. O prezo de cada curso será de 47,60 euros.
Tres obradoiros
O primeiro dos obradoiros, ‘Match de improvisación teatral’, desenvolverase do 27 de xuño ao 1 de xullo, en horario de 17:00 a 21:00 horas. O curso vai dirixido a calquera que teña ganas de xogar e improvisar. Non se requiren coñecementos previos, só boa disposición.
O segundo obradoiro, de teatro científico, será do 4 ao 8 de xullo, en horario de 17:00 a 21:00. Neste obradoiro farán uso de todo o seu potencial creativo, coa vista posta na consecución dun produto artístico con temática de carácter científico, guiados por persoal científico do CSIC e por un director de escena e docente que lles marcarán o camiño a seguir no proceso de creación.
O terceiro obradoiro, de expresión corporal e seguridade escénica, impartirase do 11 ao 15 de xullo, en horario de 17:00 a 21:00. É un curso destinado a toda persoa interesada na arte escénica que queira ampliar as súas ferramentas expresivas mediante a aplicación dos fundamentos da expresión corporal.