A música das Rías Baixas xa viaxa cara terras lusas. O ‘Atlántico Express’ saía puntual esta mañá da estación de Renfe-Guixar de Vigo rumbo a Porto para a presentación dos sete festivais musicais das Rías Baixas, que por primeira vez aglutínanse baixo o mesmo paraugas buscando a unión e a profesionalización destes eventos.
Trátase dunha iniciativa da Deputación de Pontevedra coa que se busca ofrecer unha oferta turística mesturada coa importante cultura musical da provincia.
Durante a viaxe de ida, os participantes nesta aventura poderán disfrutar da actuación de Best Boy e dunha degustación de produtos gastronómicos das Rías Baixas. Xa en Porto haberá un acto de presentación no local Maus Hábitos, no que se dará a coñecer a xornalistas e touroperadores os sete festivais e o destino turístico Rías Baixas, tamén con música en directo e con degustación de produtos da zona. Ás 19 horas o tren volverá a Vigo coa música de Su Garrido Pombo e The Partisan Seed a bordo.
Sete citas ineludibles
A iniciativa ‘Festivais Rías Baixas, sete citas que non deberás perder’ está integrada polos eventos musicais Cultura Quente, en Caldas de Reis (24 e 25 de xuño); Atlantic Fest, na Illa de Arousa (do 1 ao 3 de xullo); PortAmérica, en Nigrán (15 e 16 de xullo); SinSal Son Estrella Galicia, en Redondela (do 22 ao 24 de xullo); SonRías, en Bueu (do 4 ao 6 de agosto); O Marisquiño, en Vigo (de 12 ao 14 de agosto) e Revenidas, en Vilagarcía de Arousa (do 19 ao 21 de agosto).
Son festivais que presentan unha ampla variedade de estilos musicais para todos os públicos, mesturando, por exemplo, o universo europeo co iberoamericano e engadindo experiencias turísticas e gastronómicas de toda a provincia de Pontevedra, demostracións de cultura urbana e deportes de acción, así como impulsando grupos musicais emerxentes e actuacións de artistas nacionais e internacionais consagrados.