Ciencia y Tecnología Destacados

Tres premios nacionais de investigación para radiólogos de Vigo

radiologia

Tres traballos de investigación realizados por radiólogos da área sanitaria de Vigo sobre diferentes tipos de exploracións con resonancia magnética foron premiados no Congreso da Sociedade Española de Radioloxía Médica (SERAM). Estes galardóns súmanse aos diversos premios conseguidos por facultativos do Chuvi no anterior Congreso da SERAM, en 2014, e á concesión do premio da Sociedade Norteamericana de Radioloxía por dous anos consecutivos.

Os traballos premiados están relacionados coa resonancia de mama, as complicacións da cicatriz de cesárea e o diagnóstico por RM de tumores e malformacións vasculares do sistema músculoesquelético.

Premios

O traballo sobre o RM de mama en pacientes de risco, coa doutora Mercedes Arias como investigadora principal, foi elaborado en colaboración coa unidade de mama da EOXI de Vigo. A comunicación expón desde a experiencia destes profesionais unha visión de futuro sobre un aspecto de máxima actualidade, que é o manexo preventivo daquelas pacientes con risco coñecido de padecer un cancro de mama ao longo da súa vida.

A investigación liderada polo doutor Alfonso Iglesias ocúpase das complicacións da cicatriz de cesárea, que poden ser diferidas: adherencias, formación dun ‘nicho’ no sitio da cicatriz, endometriose na cicatriz abdominal ou na cicatriz uterina, roturas uterinas diferidas, tumores benignos ou malignos que crecen no sitio da cicatriz ou embarazos ectópicos na cicatriz de cesárea… Este traballo demostra como a resonancia magnética axuda ao clínico na toma de decisións nestas mulleres ao detectar con alta fiabilidade estas complicacións, en ocasións difíciles de diagnosticar con outras técnicas.

Pola súa banda, o traballo dirixido pola doutora Marta Rodríguez céntrase no diagnóstico por resonancia magnética de tumores e malformacións vasculares do sistema musculoesquelético, revisándose os achados en resonancia magnética nesta patoloxía, concluíndo que é a técnica diagnóstica non invasiva de elección para o seu estudo.

También te puede interesar