Persoal sanitario do Hospital Álvaro Cunqueiro cualifica de lamentable que “tendo unha central de esterilización pública, acreditada e con profesionais competentes, nos vexamos, desde que se iniciou o traslado Cunqueiro, con continuos problemas co material, que ocasionan reiteradas suspensións de intervencións cirúrxicas”.
Os traballadores subliñan que “a falta absoluta de previsión da Xerencia da Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI)” ocasionou que a central de esterilización antiga, que funcionaba, deixara de facelo antes de ter montada e en pleno funcionamento a nova central de esterilización.
“Esta nova central ten que funcionar coas máximas garantías e as traballadoras e traballadores deben estar preparados para o uso das novas tecnoloxías implantadas. As e os profesionais de esterilización coas dúas centrais funcionando a medias e con evidentes problemas para optimizar o funcionamento da nova, son insuficientes para sacar o traballo adiante o que fai que a metade da plantilla se atope en situación de baixa laboral pola presión á que está sometida”.
Os profesionais denuncian que “un aspecto tan crítico e que condiciona a asistencia sanitaria” como é a esterilización sexa unha prioridade, e no canto de contratar coa sanidade privada, se invista en persoal e medios que permitan a correcta posta en marcha da nova central de esterilización de acordo cos estándares e certificacións que garantan que as intervencións se fagan nas mellores condicións, pois “o que está en xogo é a saúde de todas e de todos”.