O triatleta galego Javier Gómez Noya acaba de ser galardoado co Premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016 ao impoñerse aos outros tres finalistas que optaban ao galardón, o equipo de rugby de Nova Zelanda All Blacks, a esquiadora Lindsey Vonn e o piloto de rallys Sebastián Loeb.
Segundo os estatutos da Fundación Princesa de Asturias, o Premio Princesa de Asturias dos Deportes concédese a quen “ademais da exemplaridade da súa traxectoria, ten contribuído co seu esforzo, de xeito extraordinaria, ao perfeccionamento, cultivo, promoción ou difusión do deporte”, méritos que como destacou o Xurado poden ser recoñecidos na figura do deportista ferrolá.
Javier Gómez Noya, quen adestra nas instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, atesoura méritos deportivos indiscutibles como o feito de ser o único quíntuplo campión mundial de tríatlon de toda a historia, ademais de subcampión olímpico (Londres 2012), entre os seus numerosos éxitos competitivos, como o cuarto título europeo que acaba de acadar en Lisboa o pasado mes de maio.
O deportista, xa clasificado para Río 2016, atópase en plena fase de preparación dos xogos olímpicos. O triatleta é o primeiro galego en obter este recoñecemento, xa que o cangués David Cal, o mellor olímpico español da historia con cinco medallas, quedou finalista na edición 2013. Nas últimas edicións se concedeu a Pau e Marc Gasol (2015), ao maratón de Nova York (2014), a José María Olazábal (2013), a Iker Casillas e a Xavier Hernández (2012) ou a Haile Gebrselassie (2011).