A Deputación de Pontevedra e o concello de Ponte Caldelas asinaron este venres o convenio para a posta en valor do roteiro Sendeiro da Calzada ao longo do río Verdugo, o primeiro sendeiro azul de interior de toda España. Nun mes estarán listas as obras de mellora necesarias, nas que se investirán algo máis de 16.000 euros.
Este roteiro é un referente turístico “imprescindible” para o concello pontevedrés, xa que se une á primeira praia fluvial con bandeira azul de España, a praia da Calzada, como asegurou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz. É un sendeiro de 8,3 quilómetros de percorrido ao longo do río Verdugo, que cruza polos pasos naturais da Fraga e de Portasouto.
O roteiro ten como punto de saída e chegada ao Balneario e a propia praia da Calzada. Toda a ruta está chea de elementos etnográficos de valor, entre os que destacan muíños, petos de ánimas ou tramos enlousados.
Todo estará debidamente acondicionado e sinalizado, despezado de especies invasoras e con protagonismo da vexetación autóctona. Haberá ademais visitas guiadas, obradoiros formativos, voluntariado medioambiental e actividades para escolares.
Este sendeiro engádese a outros 11 sendeiros azuis nos que a Deputación de Pontevedra investirá 183.000 para a súa posta en valor e acondicionamento. Son o roteiro de Donón, en Cangas; Camiño de Beiramar, Senda entre faros e Senda Litoral e do Monte da Guía, en Vigo; Cabo Udra, en Bueu; Senda Bao-Xestelas, na Illa de Arousa; Senda litoral da Guarda, en A Guarda; sendeiro litoral ecosistema dunar Praia América-Panxón; sendeiro litoral de Baiona e Sendeiro Azul Ruta das Praias en Marín.