O Meixoeiro como símbolo do que acontece coa sanidade pública: “desmantelamento e privatización”. Por iso, este mércores centos de personas manifestáronse arredores deste centro hospitalario para pedir que o Meixoeiro “xogue o papel que tiña previsto no plan funcional inicial” e se garanta o seu futuro.
Xunta de Persoal da área sanitaria de Vigo e SOS Meixoeiro denunciaron que a actual situación é “intolerable”, coa metade das camas do centro pechadas e co personal movéndose entre o Meixoeiro e o Álvaro Cunqueiro para cubrir baixas, vacacións ou acúmulos “mentres se derivan pacientes á sanidade privada“.
Durante a marcha polos arredores do hospital reclamaron como solución aos problemas da área sanitaria viguesa a recuperación do Hospital Álvaro Cunqueiro para o sistema sanitario público e que se retome o proxecto de hospital estratéxico para a área sur de Galicia, devolvendo ao Chuvi os servizos de referencia trasladados ao Complexo Hospitalario de Santiago a as especialidades que se manteñen en Povisa.
Recuperación de camas, recursos e especialidades, recuperación do proxecto estratéxico de tratamento e investigación oncolóxica, cirurxía programada maior ambulatoria e on ingreso aproveitando quirófanos, abrir unha unidade de coidados críticos a pleno rendemento ou consolidar a unidade de coidados paliativos co obxectivo de manter 422 camas activas son algúns dos proxectos que piden recuperar e levar adiante.