A Deputación de Pontevedra concederá 600.000 euros en axudas para o fomento e o deporte federado a través de 552 entidades da provincia, un 8% máis de clubs e asociacións que o ano pasado.
Serán axudas para as máis diversas disciplinas deportivas, dende fútbol, loita olímpica, natación ciclismo, esquí acuático, ximnasia, baloncesto, hípica, xadrez, motociclismo ou taekwondo ata patinaxe, entre outras moitas.
Esta é unha das liñas de axudas para o deporte base, neste caso para aquelas entidades e asociacións, que para a súa práctica teñen que estar federados e en ligas oficiais.
Por comarcas
Por comarcas, o deporte base vai recibir en Arousa 58.994 euros en máis de media centena de entidades. Na comarca de Terra de Montes 23 entidades repártense un total de 27.333 euros. No Deza, unhas 28 entidades recibirán 27.189 euros.
No Baixo-Miño e Val Miñor as axudas ascenden a 87.370 e repártense entre unhas setenta entidades. Na cidade de Vigo, cento corenta asociacións recibirán 150.425 euros. Na cidade de Pontevedra son 45 entidades as que perciben 48.704 euros. Na comarca de Pontevedra, vinte entidades perciben 18.154 euros.
No Morrazo, corenta e tres entidades recibirán 47.577 euros. Na comarca do Ulla-Umia, vinte entidades reciben 18.753. Na comarca de Vigo, trinta e nove entidades repártense un total de 48.529 euros. E, por último, na comarca do Condado-Paradanta trinta e sete entidades perciben 41.810 euros.