O cura párroco de Momán, no concello lucense de Xermade, ven de pedir, de novo, a excomunión para Mariano Rajoy, presidente do Goberno en funcións. O pai Luís Ángel González Patiño, xa fixera esta mesma petición hai tempo asegurando que “Rajoy é moralmente criminal”, ainda que o bispo, de Lugo, Alfonso Carrasco Rouco- sobriño do ultraconservador cardeal Rouco Varela- pediulle que “non dese nomes”.
Con todo, o pai Luis salienta que os que exercen a función pública para o ben común teñen que empregar todos os medios dos que dispoñan para que non se cometan violacións dos dereitos humanos e, en base a isto, xustifica que se bote a Rajoy da Igrexa e se lle neguen os seus sacramentos porque non se pode tolerar que como “católico, apostólico e romano, andivese disculpando a Blesa, Rodrigo Rato ou Bárcenas”.