O escritor Agustín Fernández Paz, unha das grandes figuras da literatura galega, morreu ás 07.00 horas deste martes no seu domicilio de Vigo.
Ligado a Xerais dende hai anos, Fernández Paz constituíu un dos piares fundamentais do florecemento da literatura infantil e xuvenil en Galicia e xogou un papel moi importante no crecemento estratéxico tanto da editorial como da cultura galega.
O cadro de persoal de Xerais amosou as súas condolencias pola desaparición dunha das figuras máis salientables da cultura galega de hoxe, coa que “Galicia perde non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude. O prestixio dos seus libros, constantemente reeditados e traducidos a moitas linguas, deu a coñecer en diversos países do mundo o valor da literatura infantil e xuvenil galega”.
Ampla traxectoria
Nacido Vilalba en 1947, Agustín Fernández Paz foi unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea cunha ampla obra que colleitou innumerables premios, dende o Premio Lazarillo en 1990 por ‘Contos por palabras’, o Premio Edebé de literatura xuvenil en 1994 por ‘Trece anos de Branca’ ou o Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil por ‘Cartas de inverno’ ata o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por ‘O único que queda é o amor’.
A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas, coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E (2009) da AELG; e en 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award, en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como candidato ao Premio Nobel de Literatura.