A Xunta de Persoal do Chuvi e a plataforma SOS Sanidade Pública preparan un verán quente de mobilizacións cun intenso calendario de protestas para o mes de xullo que podería estenderse tamén a agosto.
A primeira cita terá lugar este xoves 14 de xullo ás 12.00 horas na porta de consultas externas do Hospital Álvaro Cunqueiro, co obxectivo de reclamar o seu rescate para a sanidade pública. A continuación desenvolversanse novas protestas o 21 de xullo na antiga entrada de Urxencias do hospital Xeral (20.00 horas) e o 28 na sede do Sergas na rúa García Barbón (12.00 horas).
Unha vez rematado o calendario reivindicativo, xunta de persoal e SOS Sanidade avaliarán a posibilidade de repetir o ciclo de mobilizacións no mes de agosto para seguir a reclamar tamén a apertura de todas as camas de hospitalización, a posta en marcha da unidade de críticos no Hospital Meixoeiro, un plan de choque contra as listas de espera e acabar coas derivacións á sanidade privada.