Este verán o Sergas manterá operativas o 87% das camas hospitalarias e calquera das camas pechadas poderá reabrirse en calquera momento por necesidades asistenciais. Así o asegurou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, durante o Pleno do Parlamento de Galicia no que subliñou que o recurso cama non determina o grao de eficiencia do sistema sanitario.
Durante a súa comparecencia recalcou que a reorganización asistencial lévase a cabo tendo en conta poder garantir en todo momento a seguridade e calidade asistencial dos pacientes e a base da restructuración das unidades de hospitalización para que os pacientes teñan á súa disposición” os recursos que precisen e os profesionais poidan traballar de maneira máis racional e cómoda”.
Almuiña remarcou que na época estival os índices de ocupación hospitalaria diminúen, en parte por unha redución de determinadas patoloxías, como as respiratorias, polo que tamén é habitual que se aproveite esta época para facer intervencións de mellora e obras de mantemento.
Peche dunhas 1.200 camas
Pola súa banda, hai uns días o Sindicato de Enfermaría, Satse, aseguraba que este verán en España pecharíanse arredor do 10% das camas hospitalarias, unhas 11.000, das que 1.200 estaban na comunidade galega, situándoa no top tres das autonomías que máis camas pecharán durante o período estival. Ademais, advertía que na área sanitaria de Vigo había casos moi chamativos, como o peche de 200 das 348 camas do Hospital do Meixoeiro, o que reducía á metade a actividade deste centro sanitario.