Entre el 2 junio y el 15 de julio
Leer másEstación Fitopatolóxica de Areeiro advirte da presenza de fungos en diferentes especies da provincia de Pontevedra
A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de advertir dos graves danos da Cydalima perspectalis nos buxos dos xardíns da provincia. Segundo indican, recibíronse numerosas notificacións de danos “ben visibles”, polo que se recomenda facer fronte á praga utilizando aceite de parafina, azadiractin (de orixe natural) ou cipermetrin, deltametrin ou outros piretroides (de orixe sintética), procurando mollar ben a totalidade da pranta.
Por outra banda, os responsables da estación sinalan o inicio dos síntomas da presencia do coñecido ‘tigre do plátano’ (Corythuca ciliata) en árbores de diferentes zonas da provincia. Para reducir as poboacións e evitar as decoloracións que xera o ataque nos ‘plátanos de sombra’ é recomendable aplicar un tratamento con alfacipermetrin e deltametrin, nas porcentaxes indicadas (pódese consultar as cantidades na web do Areeiro).
En canto á pataca, continúanse a observar poboacións importantes de escaravello, que pode chegar a eliminar incluso toda a masa foliar da pranta. En canto ás couces dos acios , nestes momentos en que en moitas fincas se está a realizar a colleita, é preciso lembrar que é fundamental retirar os restos do cultivo e destruílos para evitar que alberguen individuos das pragas.
En relación aos cítricos, durante estes días os técnicos de Areeiro recibiron un elevadísimo número de consultas sobre como intervir fronte á praga da ‘psila africana’ (Trioza erytreae), que nestes momentos está en plena actividade. Unha boa medida é retirar e destruír os brotes máis novos e tenros, nos que están as colonias dos insectos. Ademais, é preciso aplicar tratamentos insecticidas. Debido a que tamén hai presencia de pulgóns e cochinillas ademais do tratamento específico para o control da psila, do que só se permiten unha ou dúas aplicacións ao ano, pode utilizarse calquera outro produto destinado ao control de insectos ‘chupadores’ dos cítricos.
As maceiras están nestes momentos sendo afectadas polo ‘moteado’ como consecuencia das condicións climáticas nocturnas e das primeiras horas do día (temperaturas altas e humidade). Así mesmo, continúan aparecendo colonias de pulgón verde, e o pulgón laníxero está aumentando a súa actividade. A couce da maceira está a afectar fincas preto de Pontevedra nas que hai capturas importantes que se sitúan no límite de tolerancia. Debido a que este ano en xeral hai pouca froita, é o momento ideal para adoptar medidas de control alternativas como a instalación de bandas-trampa de cartón ondulado.
Finalmente, en canto á viña, a situación segue a ser medianamente estable fronte á semana pasada. Sen embargo, houbo fincas no Condado, Rosal e preto de Pontevedra nas que si se confirmou un avance do fungo do Mildeu, todas elas nas que os labores de roza non se realizaron adecuadamente ao longo da campaña.
Nos vindeiros días anúncianse condicións similares de temperatura ás de anteriores semanas, o que sumado á existencia de orballos fai que a situación de risco persista. Aconséllase, pois, manter un elevado nivel de vixilancia, realizando revisións periódicas e renovar os tratamentos no caso necesario para frear as infeccións. Insístese en que non se deben esquecer os labores de aireación dos acios con despuntes, desfoliados e rozas.
En canto ao Oidio, non se percibiu avance algún, igual que no caso da botrite, ou dos cicadélidos. Si aumentaron as capturas das couces dos acios nalgunhas fincas, pero en número moi baixo, e tamén de grans afectados por golpes de sol nas comarcas do Condado e O Rosal.