O Consocio do Casco Vello ven de formalizar a compra do edificio situado no número 12 da rúa Cruz Verde. O edificio, que ten baixo e tres plantas, cunha superficie construíble de 265 metros cadrados, e que costou 150.000 €, terá que ser sometido a un profundo proceso de rehabilitación interior e exterior para lograr a integración na nova contorna.
Nesta mesma rúa o Consorcio Casco Vello de Vigo -participado nun 90% pola Xunta de Galicia e nun 10% polo Concello – rehabilitou anteriormente un edificio no que se construíron seis vivendas e dous locais comerciais e ten agora en proxecto outro inmoble máis no número 8 cuxa obra se prevé licitar este mesmo ano.
O investimento previsto ao longo deste ano é de 2 millóns de euros: o mesmo permitirá a creación de 13 novas vivendas e 3 locais comerciais. Este investimento súmase aos 30 millóns de euros comprometidos polo Consorcio ao longo dos seus dez anos de existencia, o que permitiu o asentamento na zona duns 150 novos veciños, converténdose nunha das poucas áreas da cidade que gaña poboación.
Os novos proxectos que se acometan priorizarán, na medida que o permitan as condicións do PEPRI no que se integra o Casco Vello, a creación de vivendas de dúas ou tres habitacións, unhas das máis demandadas polos interesados en instalarse na zona.