Cultura Destacados

Redondela, gran escenario da danza

casa da torre redondela

Redondela converterase esta noite no gran escenario da danza. A praza da Casa da Torre acolle este domingo 24 ás 22.00 horas a segunda edición do Festival de baile multidisciplinar Verán en Danza, que incluirá espectáculos de danza de diferentes modalidades.

Organizado pola Concellería de Cultura en colaboración coa Escola de Danza Media Punta, nesta edición contarase coa presenza de cinco centros de danza de Vigo e A Coruña: Media Punta, Bambalina, Unidance, Flamenkeando e Fusion Dance.

Media Punta, fundados en 2002 e creadores deste festival coa intención de ofrecer o traballo das súas mellores coreografías, conseguiu importantes premios dentro do mundo da danza a nivel nacional e internacional. Bambalina é unha escola con 11 anos de traxectoria onde se imparten multitude de modalidades de baile, mentres que Unidance leva 8 anos ofrecendo os mellores bailes e Flamenkeando está dirixida por María Rial, unha bailarina profesional con máis de 30 anos de experiencia.

Pola súa banda, Fusion Dance, de Fene, é unha academia de baile con apenas catro anos de vida enfocada á danza urbana e con importantes grupos de competición nesta disciplina, con premios importantes en campionatos de hip hop a nivel nacional.

You may also like