A Asociación Veciñal de Teis realizou este mércores unh acto de denuncia sobre o abandono dos terreos da Etea coa presenza simbólica de dúas cabras na praza de Armas das instalacións.
Con estes dous animais pretendían denunciar a falta de mantemento dos terreos tanto por parte do Concello de Vigo como da Xunta de Galicia, en tan mal estado que “serve para que os animais poidan pastar” nel.
Durante o acto reivindicativo, os membros da asociación tamén colocaron letreiros en diferentes lugares da Etea para indicar a que administración pública pertencen e o mal estado no que se encontran.
Desde o mes de xuño a asociación desenvolve unha campaña de denuncia do mal estado dos terreos e a falta de dotacións, xa que poñen de relevo que “non hai papeleiras no paseo marítimo, non hai baños, a falta de mantemento do parque público e a intención do goberno municipal de cubrir a piscina”.