A Asociación Cultural Casco Vello Alto vén de poñer en marcha unha nova edición do ciclo ‘Emerxencias’, unha proposta con catro sesións de cine ao aire libre que terán lugar mércores e sábados xunto á Oliveira do Paseo de Alfonso.
Este ano o ciclo quere manterse fiel á idea orixinal de xogar cos dous sentidos da palabra emerxencia: a acepción que se refire a alarma ante certos feitos ocorridos nas esferas do social, económico ou político e esa outra que contempla a aparición do novo. Esta edición porá especial acento na cuestión política.
Programa
O ciclo de cine arrancou este mércores coa proxección do documental ‘Tarajal, denunciando la impunidad en la frontera sur’ (2016), de Xapo Ortega e Xavier Artigas. A vindeira cita será este sábado 20 de agosto (22.00 h) cunha selección de curtas da creadora María Ruído, de 2010 e 2011, nas que arte e política mestúranse de forma singular a partir dunha ollada fragmentaria aos múltiples olvidos e ás miserias da transición española.
Xa o mércores 24 (22.00 h) chega a quenda da incomodidade e o malestar que desprende ‘Canino’ (2009), un filme de ficción do grego Yorgos Lanthimos arredor dunha familia que implosiona a causa da sobreprotección paterna.
A última proxección será o sábado 27 (22.00 h) coa emisión das mediometraxes ‘Anything can happen’ e ‘Para que no duela’, en colaboración con Play Doc Tv, unha obra do documentalista polaco Marcel Lozinski caracterizada pola súa maneira planificada e provocadora de intervir na realidade e polo feito de ser un dos pioneros no borrado da liña divisoria entre documental e ficción.