A plataforma SOS Hospital do Meixoeiro entregará o vindeiro luns 29 no Rexistro Xeral do Parlamento de Galicia e á Valedora do Pobo as máis de 50.000 sinaturas recollidas para pedir a reapertura a pleno rendemento deste centro hospitalario para a sanidade pública, a reapertura de Urxencias e da UCI e o pleno funcionamento dos quirófanos para reducir as listas de espera.
SOS Meixoeiro leva meses denunciando a través de diferentes actos de protesta o peche de plantas, a eliminación paulatina de camas e a falta de servizos que poñen “en risco constantemete a sgeuridade dos pacientes ingresados”, como ocorre coa falta da Unidade de Críticos. Así, realizaron un abrazo simbólico do hospital no que participaron máis de 3.000 persoas ou un peche de 23 días cunha alta participación tanto de profesionais como de usuarios nas distintas quendas.
A plataforma denuncia tamén a suspensión diaria de quirófanos, tanto por falta de persoal cualificado como de material cirúrxico, “abócandonos a dar o peor servizo que xamais se produciu na nosa área sanitaria”. Aspectos como a unificación do laboratorio deixan exemplos como o espazo “sen as condicións necesarias para desenvolver o traballo en condicións de seguridade” onde se realizan as curvas de glucosa das embarazadas.