Xa está activa a cita previa para obter a tarxeta ‘Xente Nova’ que permitirá a gratuidade do transporte metropolitano para menores de 19 anos. Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a posta en marcha deste novo servizo e os interesados poderán solicitalo nesta web, onde se ofrecerá cumprida información da operativa da tarifa.
Para a operativa desta tarifa establécese un medio de pagamento específico, a TMG Xente Nova, tarxeta metropolitana que será expedida gratuitamente por Abanca, entidade colaboradora no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia.
O programa ‘Xente Nova’ supón a implantación dunha nova tarifa que vai dirixida ás persoas con idades comprendidas entre os 4 e os 18 anos de idade, ambos os dous incluídos, que será de cero euros nas viaxes de carácter interurbano realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, cun número máximo de 60 viaxes mensuais por usuario.
Tamén será gratuíto o transbordo que se realice entre servizos interurbanos e urbanos, ou viceversa, cando forme parte dunha viaxe metropolitana.
O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.
Así, unha persoa titular da TMG Xente Nova que realice habitualmente percorridos definidos como “un salto” no sistema tarifario zonal do Plan, por exemplo entre Redondela e Vigo ou entre Narón e Ferrol, poderá aforrar 520 euros anuais adicionais, e unha que viaxe habitualmente entre Betanzos e A Coruña ou entre Baleira e Lugo, poderá aforrar 800 euros anuais, ao tratarse de percorridos que supoñen “dous saltos” no sistema zonal. Nos percorridos de “tres saltos” como entre A Estrada e Santiago, o aforro adicional pode acadar máis de 1.120 euros anuais.
A partir do luns 29 de agosto a tarifa será plenamente operativa para todas aquelas persoas usuarias que vaian obtendo as súas TMG Xente Nova.