Galicia Vigo al minuto

A Mesa pedirá que Vigo manteña o uso do galego nos seus plenos

plenojulio

Tras a aprobación no pasado mes de maio do novo regulamento do pleno de Vigo, o galego deixará de ser a lingua de debate de utilización nos plenos malia continuar a ser a lingua do pleno e do concello. Por este motivo, a Mesa pola Normalización Lingüística dirixirase a todos os grupos da corporación viguesa para que anulen a modificación do regulamento pola que o galego deixa de ser a lingua de expresión nos plenos das e dos representantes públicos.

Segundo indicou a reponsábel da Mesa pola Normalización Lingüística en Vigo, Elsa Quintas, “o estatus legal de oficialidade recoñecido ata agora para o noso idioma, tanto polo concello como por leis autonómicas como a de uso do galego como lingua oficial de Galiza polas administracións locais, ou a de Normalización Lingüísitica, non era real”, nunha cidade onde “o galego retrocede a un ritmo de vertixe”. Coa modificación aprobada en Vigo, a situación será “peor ao negárselle un recoñecemento oficial e de uso mínimo”.

Da Mesa lembraron ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, como o seu partido se comprometeu no pasado mes de xullo, xunto a outros partidos e á propia Mesa, a promover a normalización da lingua galega, aplicando todos os acordos tomados colectivamente a favor do galego en acordos nacionais e internacionais, desde a Lei de Normalización Lingüística ao Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega ou a Carta Europea das Linguas.

Quintas recordou que o galego está completamente excluído de ámbitos como a educación infantil en Vigo, onde o 75,90% dos centros non o utilizan nunca.

También te puede interesar