A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o expediente para a contratación do servizo de formación e mentorización de mozos e mozas emprendedoras no marco de ‘DepoEmprende’, que a institución provincial realizará en colaboración coas cámaras de comercio da provincia.
Deste xeito, o Goberno provincial aprobou o expediente de contratación por un importe de licitación de case 145.000 euros e inicia o procedemento de adxudicación durante 15 días naturais a partir do día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.
‘DepoEmprende’ está dotado con 260.000 euros e ten como finalidade o impulso do emprendemento e a cultura emprendedora xuvenís na provincia. Esta actuación, enmarcada no programa de itinerarios de emprendemento xuvenil da Fundación INCYDE e financiada polo Fondo Social Europeo, está destinada a 120 mozas e mozos da provincia de Pontevedra, menores de 30 anos, rexistrados no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, sen ocupación e sen estar integrados nos sistemas de educación ou formación.
Os mozos e mozas que participen deseñarán un plan e un proxecto personalizados para cada participante, nos que se terán en conta variables coma a motivación para traballar, condicionantes persoais, profesionalidade e habilidades sociais. A institución provincial tamén se encargará de asesorar a cada participante nas etapas iniciais dos proxectos, de dirixir e supervisalos, de promover a cultura emprendedora e de impulsar a formación para o emprendemento.