O proceso de criopreservación de células e tecidos de organismos terrestres tense convertido nunha ferramenta de destacada utilidade para a investigación médica, tanto humana como veterinaria. Pola contra, a utilización desta técnica no medio mariño é aínda limitada, e existen moi poucos protocolos que teñan éxito criopreservando células de peixes e moluscos limitando o desenvolvemento da investigación en bioloxía mariña.
Por iso, a comunidade científica está a traballar no desenvolvemento de metodoloxías para a preservación dun maior número de organismos e/ou tipos celulares. A Universidade de Vigo comezou en 2009 a traballar neste campo, concretamente nunha investigación punteira na criopreservación de embrións e larvas de organismos mariños, que arrancou como parte da tese de doutoramento de Estefanía Paredes.
Agora, este traballo converteuse nunha patente nacional que recoñece o único protocolo de criopreservación de estados temperás de desenvolvemento de ourizo de mar con demostrada viabilidade e aplicación en avaliación da contaminación mariña e acuicultura.
O procedemento de criopreservación de embrións de ourizo de mar baséase nun protocolo especificamente deseñado para este uso e que permite almacenar en nitróxeno líquido as blástulas (embrións de ourizo de mar) para que poidan ser empregadas fóra da temporada de reprodución natural desta especie.
A patente está concedida a Ricardo Beiras, Juan Bellas e Estefanía Paredes. Esta última, que actualmente traballa nos Estados Unidos, explica que a patente desenvolveuse durante a súa tese de doutoramento, que recibiu o premio da Real Academia de Doutores de España en 2015, polo que “boa parte dos datos foron obtidos na Ecimat”.
Na actualidade Paredes atópase rematando o seu posdoutoramento no Laboratorio de Criobioloxía Teórica e Aplicada da Universidade de Tennessee en Knoxville. “Vinme aquí”, explica, “para traballar co doutor Peter Mazur, un dos pais fundadores da criobioloxía e afondar nos aspectos máis teóricos da criopreservación de especies consideradas ‘modelo’ en ciencia”. Tras o falecemento de Mazur en 2015, a investigadora galega estivo a cargo do seu laboratorio e da finalización do proxecto do National Institute of Health (NIH) no que estaban traballando.