O alcalde, acompañado polo concelleiro dde Cultura, Cayetano Rodríguez, presentou este venres a programación municipal de artes escénicas “Vigocultura” que se desenvolverá no Auditorio Municipal do Concello, na Praza do Rei, dende o xoves 6 de outubro ao domingo 18 de decembro, ambos inclusive.
Nesta nova tempada, o Concello volve apostar por unha liña de continuidade que pretende seguir consolidando públicos a través das artes escénicas, cos mellores espectáculos de música, teatro, danza e circo que están nestes momentos circulando en Galicia e fóra dela.
A programación, salientou Abel Caballero,conta para este derradeiro trimestre do ano cun total de 22 funcións, que abarcan diversos xéneros como teatro, música, danza, circo, e que inclúe un espectáculo para bebés.
Trátase dun total de 18 compañías, das cales 9 son galegas, 8 doutras partes de España e unha portuguesa. Tres das compañías son viguesas e estrearán os seus novos espectáculos dentro da programación: Triatreros, Avento Producións e A Artística, froito do interese do Concello en apoiar ás compañías locais á hora de estrear as súas novas montaxes.
A programación divídese na destinada a público adulto, que terá lugar os venres de outubro e novembro ás 9 da noite, e a destinada a público familiar, que continuará realizándose os domingos de novembro ás 6 da tarde e con funcións dobres os domingos de decembro.
Ante a demanda do público nas últimas edicións, este ano están programadas funcións dobres no mes de decembro para todos os espectáculos, ás 12:00 h e 18:00 h, entre os que se encontra un para bebés, o domingo 4; a representación das Tres Reinas Magas de Gloria Fuertes o domingo 18; e dúas funcións o domingo 11 da última produción da compañía madrileña Yllana, que fará un pase ás 18:00 h para todos os públicos e unha sesión máis “golfa” do mesmo espectáculo, destinada a público adulto, ás 20:30 h.
Moitos dos espectáculos seleccionados para esta programación contan con prestixiosos premios e están recomendados por diversas redes nacionais e internacionais.
Os prezos dos espectáculos seguen a normativa establecida tanto pola Rede Galega de Teatros e Auditorios, como do programa Platea, así como as ordenanzas fiscais municipais. Os prezos das entradas para os espectáculos de público adulto abarcan desde os 5 aos 10 €, dependendo do caché das compañías e grupos. As entradas para os espectáculos dirixidos a público familiar terán prezos de 3 e 5 €, seguindo o mesmo criterio.
As entradas pódense adquirir anticipadamente a partir do luns 26 de setembro a través da páxina web www.ataquilla.com, telefonicamente a través do 902.504.500, ou ben físicamente no despacho de billetes da Central de Espectáculos, na sede de Afundación, ou o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo no despacho de billetes do auditorio, sempre que houbese entradas dispoñibles.
Os abonos para a programación deste semestre pódense combinar entre todos os espectáculos en paquetes de 5 ou 10, con importantes descontos do 15 e 25 % respectivamente.