Comarcas

Mulleres mellor ‘Conectadas’ con 8 novos obradoiros da @depo_es

conectadas

 

O programa ‘Conectadas 2016’, posto en marcha polo servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, inicia esta semana 8 novos obradoiros repartidos entre seis concellos da provincia para potenciar a participación e promoción das mulleres e mellorar a súa formación básica.

Deste xeito, o concello da Guarda acollerá un obradoiro de arte floral; en Redondela impartirase un de tapas, petiscos e canapés e outro de cociña con menú diario; Vigo acollerá un taller de tapas, petiscos e canapés e outro de musicoterapia; en Cangas do Morrazo impartirase un curso de tapas, petiscos e canapés; en Moaña de risoterapia e na Lama de Zumba.

Estes obradoiros recollen temáticas moi diversas, que van dende as actividades físicas (zumba, ioga, ximnasia de mantemento), pasando pola artesanía e manualidades (traballos en tea, coiro, madeira e outros; costura creativa; iniciación á costura) ou a alimentación (conservación de alimentos, conservas artesanais; cociña e alimentación: hábitos saudables; tapas, petiscos e canapés), ata alfabetización dixital (fotografía e edición) e psicoloxía (risoterapia, mindfulness), entre outros.

As actividades estanse a realizar ao longo de 60 concellos da provincia e son máis de 5.000 alumnas e alumnos os que se beneficiarán en total do programa. Cada un dos cursos ten unha duración de 35 horas e precisa un mínimo de 15 persoas participantes, organizándose en grupos de entre 20 e 25 persoas como máximo e con preferencia ás mulleres. Só un 25% das prazas se reservan para homes, agás no caso dos cursos relacionados coa cociña e alimentación, onde a distribución de prazas está a ser mixta.

También te puede interesar