En total serán 53 asociacións e colectivos os que participarán esta fin de semana na IX Limpeza Simultánea nos ríos que atravesan 44 municipios de Galicia. Trátase dunha actividade organizada polo Proxecto Ríos que se celebrará o vindeiro 2 de outubro e que ten por obxectivo concienciar á sociedade da necesidade de que os nosos ríos estean ben conservados e de que a presenza de lixo é unha ameaza constante que sofren os cursos fluviais.
Grazas á colaboración de 54 entidades o pasado ano, retiráronse máis de 13 toneladas de lixo e participaron un total de 691 voluntarias e voluntarios de 45 concellos en toda Galicia.
Todo aquel que desexe colaborar terá que poñerse en contacto coas asociacións organizadoras. Por exemplo, con Adega ou Asociación Lagares Vivo en Vigo, co asociación Lazoiro en Salvaterra, coa asociación Trezecatorze en Salceda, con concello en Nigrán, coa Plataforma pola Defensa do Tea en Ponteareas, coas asociacións A Broga e Pedraghullo e a asociación de veciños de Vincios en Gondomar ou coa asociación A Jalleira en A Guarda.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.