Vigo al minuto

Por primeira vez unha muller e un texto en galego premiados no certame de relatos Vigo Histórico

relatos

O III Certame de Relatos Vigo Histórico xa ten gañador e, por primeira vez, ten nome de muller e está escrito en galego. O xurado decidiu facer gañadora desta edición a María del Carmen Pereiro Oliveira polo título ‘Nunha maleta caben todos os ventos’.

Organizado pola Editorial Elvira, co patrocinio do Concello, a organización inclúe 5 accésits, que recaeron en Pilar Ortega Pereiro, por ‘Sereo’; Lidia Gregorio Selas, por ‘Xente do mar’; María Comesaña Romero, por ‘El florón’; Miguel Pereira Rodrigo, por ‘Charcos’ e, por último, Urbano Barrios Santamaría, por ‘La chica del violonchelo’.

Nesta edición presentáronse un total de 203 traballos, pero 33 foron descartados por non cumprir as bases do concurso. Dos 170 relatos, 136 foron en castelán e o resto, en galego. En canto ao xénero, o 57% dos aspirantes ao premios foron homes e o 43%, mulleres, polo que a participación foi bastante igualada.

No tocante a procedencia dos autores, Galicia é a comunidade que máis aspirantes achega, sobre todo desde Pontevedra e Vigo, pero tamén hai participantes de doutras zonas de España e doutros países, principalmente, latinoamericanos. Concretamente, recibíronse relatos de Arxentina, Venezuela, Cuba, Chile, Nicaragua, Colombia, República Dominicana, Costa Rica ou Holanda.

O xurado desta terceira edición estaba formado polo pintor Antón Pulido; o editor Bieto Ledo; a filóloga e mestra Concepción Varela Portela; os xornalistas Jacobo Buceta e Noelia Otero; a filóloga e documentalista Sonia González López e o profesor e escritor Julio Alonso.

También te puede interesar