A CIG vén de denunciar que a dirección xeral da Mariña Mercante, dependente do Ministerio de Fomento, vén de modificar os coeficientes redutores da idade de xubilación, o que afectará a milleiros de mariñeiros galegos da flota palangreira e do arrastre, o que supón “o maior recorte social na historia da pesca galega”.
Esta problemática detectouse a comezos do ano pasado, cando a raíz de varias consultas de afiliados descubríronse “anomalías”, como a falta de anos de cotización para xubilarse, e que a dirección xeral da Mariña Mercante modificara mediante unha orde interna os coeficientes redutores da idade de xubilación, “un dereito social que teñen os mariñeiros e outras persoas con profesións especialmente duras ou de risco como mineiros ou policías e que lles permite adiantar a idade de xubilación”.
Este cambio está a afectar a milleiros de tripulantes das flotas palangreira conxeladora e do arrastre, a maior parte deles galegos. De feito, no caso da flota palangreira, dos 131 barcos censados, un total de 119 teñen base en Galicia. Na flota arrastreira conxeladora, que faenaba no banco canario-sahariano, norte de África ou Angola, as embarcacións afectadas rondan as 350. Deste xeito, a medida repercutirá sobre uns 500 barcos de zonas como A Guarda, Vigo, Marín, Ribeira e A Mariña.
O sindicato denuncia que a decisión de Mariña Mercante de reducir os coeficientes baséase en que estas embarcacións supostamente se dedican ao fresco e non ao conxelado, “cando todo o mundo sabe que ao faenar en distancias tan longas é imposíbel traer o peixe sen conxelar”. Así, o que fixo o departamento dependente de Fomento foi introducir un novo criterio que establece que só poden considerar grandes conxeladores con dereito ao maior coeficiente (0,40) os barcos de máis de 1.000 toneladas e de máis de 70 metros de eslora. Isto suporía que en Galicia só terían dereito a este coeficiente os tripulantes dunhas 10 embarcacións, denuncian.
A CIG xa solicitou á Xunta que convoque ás patronais do sector para abordar esta problemática, aínda que non descarta tamén acudir aos tribunais.