Cultura

A @depo_es crea o premio Sofía Novoa Ortiz á inclusión de xénero

premios-nova-ortiz

 

Deputación de Pontevedra acaba de convocar a primeira edición do premio Sofía Novoa Ortiz á inclusión da perspectiva de xénero para os traballos de fin de grao e de fin de máster do alumnado da Universidade de Vigo, tanto dos campus de Vigo como do de Pontevedra. O obxectivo é fomentar, consolidar e dar a coñecer a inclusión da perspectiva de xénero nos traballos académicos.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou na súa presentación que se trata “dun recoñecemento público a unha muller que contribuíu a que as mulleres ocupásemos un importante espazo público e garantir os nosos dereitos como mulleres e como persoas”.

Na presentación, ademáis da deputada Isaura Abelairas e dun dos herdeiros de Sofía Novoa, Francisco Novoa, contouse coa presencia de Carmen Losada, que elaborou a súa tese doutoral arredor de Sofía Novoa Ortiz, unha muller “que tiña o obxectivo de acadar unha vida independente, que buscaba a excelencia en todo o que facía” e que “empregaba a música como vehículo para o ensino da cultura e do idioma”.

Abelairas asegurou que “hoxe hai 86 anos que a Deputación de Pontevedra lle negou a prórroga a un concurso-pensión para estudar en París e lla outorgou a un home do que nunca se coñeceu a súa identidade”, feito polo que asegurou que “este é un día moi relevante porque estamos a facer unha reparación histórica”.

Sofía Novoa Ortiz é unha das moitas mulleres esquecidas pola historia, cuxa memoria comezou a ser recuperada recentemente, e unha das artífices dun ambicioso e pioneiro programa educativo que posibilitou o acceso á educación superior a moitas mulleres, xa que daquela só podían estudar especialidades ou doutorarse en Madrid.

As persoas interesadas en presentarse ao galardón deberán preinscribirse enchendo un formulario web dende a páxina web da Deputación e entregar o xustificante no Rexistro da Deputación de Pontevedra xunto coa documentación requerida. Tras ser recibido activarase un código web que lles chegará a través dunha mensaxe SMS e, a partir dese momento, poderán presentar os seus traballos por vía telemática, en formato PDF, acompañado dun resumo de arredor de 500 palabras. O traballo non poderá ter ningún elemento identificativo da súa autoría xa que o concurso garantirá en todo o momento o anonimato das persoas participantes no proceso. A data límite de presentación de solicitudes é o 28 de outubro e, a de entrega de traballos, o 4 de novembro.

You may also like