Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia requisaron máis de 720 quilos de peixe e marisco e 590 aparellos de pesca en diferentes operativos realizados na última semana polo litoral galego. Os inspectores tamén se fixeron con 100 metros de artes de enmalle.
A Ría de Arousa foi escenario de diversas actuacións de gardacostas nas que os axentes comisaron máis de 149 quilos de diversas especies e 220 aparellos de pesca. O operativo máis destacado tivo lugar nas zonas do Chazo e a Illa de Arousa, onde os axentes se fixeron con 130 nasas e coas especies que había no seu interior, máis de 18 quilos de polbo, preto de 10 quilos de conguito e máis de 5 quilos de nécora.
Na Ría de Vigo se realizaron operativos contra a pesca ilegal que se saldaron co comiso de 33 quilos de especies e coa incautación de 100 metros de artes de enmalle. A actuación máis destacada desenvolveuse na zona das Travesas, onde os inspectores se fixeron con 12 quilos de carioca.
A Ría de Muros e Noia tamén foi escenario de diversas actuacións contra o furtivismo nas que os axentes se fixeron con máis de 310 quilos de peixe e marisco e con 190 aparellos de pesca. Na actuación máis destacada os inspectores incautaron os 190 aparellos, a maioría cacharros, e comisaron máis de 37 quilos de especies, a maioría polbo.
Ademais na Costa da Morte os axentes realizaron diversos operativos contra a pesca ilegal. Neles fixéronse con preto de 68 quilos de especies e 82 aparellos de pesca. A actuación máis relevante foi en Camariñas, onde se incautaron de 75 nasas de ferro.
Na Coruña os gardacostas tamén fixeron operacións contra a pesca ilegal que resultaron co comiso de máis de 124 quilos de especies e 86 aparellos. Na máis importante os inspectores comisaron 74 quilos de polbo e marisco e 53 artes de pesca, na súa maioría nasas de ferro. En Ferrol os axentes, en colaboración cos da Policía Autonómica, tamén estiveron vixiantes contra os ilegais. Alí desenvolveron un par de operativos no que comisaron máis de 35 quilos de ameixa babosa e 12 sachos.