O Pleno Ordinario do Concello de Salceda de Caselas, que se celebra o vindeiro venres 28 de outubro, debatirá sobre a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do imposto sobre construcción, instalación e obras, para bonificar nun 95% este imposto para aquelas obras declaradas de especial interese ou de utilidade municipal por concurrir circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración.
Na actualidade o Concello de Salceda de Caselas estaba aplicando un 50% de bonificación para estas obras, pero egundo indica o Goberno local, coa aprobación da proposta “pasarase a bonificar un 95%, o máximo permitido polo Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais (TRLRFL)”.
Segundo o goberno, o concello atópase en condicións económicas favorables para acometer esta rebaixa do imposto, unha vez coñecidos os datos do peche do exercicio económico 2015 que “demostran un resultado orzamentario positivo de 1,2 millons de euros e un aforro neto de medio millón de euros, permitindo así a adopción deste tipo de medidas”.
O Goberno Municipal, continúa, quere así “dar resposta a unha demanda do tecido asociativo do municipio, que ten sido ademáis trasladada polos grupos da oposición”. De saír adiante, a medida entraría en funcionamento a partires do 1 de xaneiro de 2017.
“Obras como melloras nas traías das parroquias, instalación das comunidades de montes, melloras nos centros culturais, instalación deportivas… poderán acollerse a esta bonificación, pasando a asumir únicamente un 5% do imposto municipal, o que facilitará a realización deste tipo de obras por parte das entidades do municipio, ou de fora do mesmo”.