A Xunta adiantou este xoves que Sergas implantará tanto no hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo como no Lucus Augusti de Lugo un sistema de localización e guiado de pacientes mediante unha aplicación móbil, que estará dispoñible para dispositivos que empreguen Android ou iOS de Apple.
Con esta aplicación, segundo explicou a administración autonómica, organizarase a ruta do usuario sanitario ata o centro unha vez que pide unha cita médica; guiará ao usuario ata a sala de espera correspondente e asignaralle a quenda de consulta, de modo que aforra o paso polo mostrador no hospital; proporcionarase información sobre servizos como cafetería ou quioscos dentro e fóra do hospital; e permitirá compartir ubicación cos contactos do móbil que tamén usan a aplicación a posición dentro do hospital.
Para darlle soporte o programa incorpora varias innovacións tecnolóxicas, como un sistema de localización de alta precisión e tamén un sistema de cartografía de edificios cos mapas internos dos hospitais, ao que se poden incorporar todos os edificios do Sergas. O programa comezará polos centros hospitalarios de Vigo e Lugo para posteriormente ir incorporándose ao hospital de Verín, ao edificio administrativo de San Lázaro e a 20 centros de saúde.
Para o desenvolvemento desta aplicación e de todos os sistemas necesarios para o seu funcionamento investíronse uns 315.000 euros. Nesta liña, calcúlase que en cada hospital extra no que se poña en marcha haberá que investir entre 10.000 e 25.000 euros en función do tamaño dos centros e, no que atinxe aos centros de saúde, estímase un custo base de 200 euros tamén ampliable segundo o tamaño.
Actualmente esta aplicación estana probando grupos de usuarios para validar o seu correcto funcionamento e está previsto que a finais de novembro se faga accesible a toda a cidadanía para empregar xa nos centros Lucus Augusti e no Álvaro Cunqueiro.