Destacados Vigo al minuto

Os veciños de Teis denuncian que non lles deixan comparecer no pleno para pedir melloras no bus ata o Cunqueiro

img_20161025_212812

A Asociación de Veciños de Teis denuncia que non lles deixan comparecer no vindeiro pleno, como solicitaron por escrito no rexistro xeral, para expor a demanda da mellora do transporte en autobús desde Teis ao hospital Álvaro Cunqueiro, como recolle  o regulamento orgánico do pleno, no seu artigo 54.

A asociación decidiu pedir a intervención no pleno logo de “meses agardando por unha resposta do goberno municipal á demanda de mellora da conexión do transporte urbano cara o novo hospital, logo de solicitude de xuntanzas, varias manifestacións e a recollida de sinaturas”.

 

Os veciños aseguran que non figura ningunha intervención por parte da asociación na orde do día provisoria, polo que entenden que “a nosa solicitude debera terse respondido por escrito, explicando os motivos polos que non se permite a intervención, solicitude que foi presentada en tempo e forma como recolle o regulamento do pleno”.

Dende a asociación denuncian que a negativa do goberno municipal non se debe a ningún criterio obxectivo, senón a “unha decisión partidista e claramente antidemocrática”.

 

A Asociación Veciñal de Teis vai denunciar “este novo veto” diante do Valedor do Cidadán e da Valedora do Pobo ao entender que é “unha decisión inxustificada e que conculca o dereito a participación cidadá”.

Ademais, continuará coas mobilizacións e o vindeiro martes 8 de novembro ás 19:00 horas desde o mercado teñen convocada unha nova manifestación.

También te puede interesar