Comarcas

O Plan Revitaliza da @depo_es levará a compostaxe ata 100.000 pontevedreses

revitaliza

Ata 100.000 veciñas e veciños da provincia beneficiaranse da compostaxe grazas ás novas subvencións do Plan Revitaliza. Así o asegurou este xoves o vicepresidente da Deputación de Pontevedra César Mosquera na reunión que mantivo con alcaldes, concelleiros e técnicos para explicar as liñas de axuda da segunda fase deste programa que, para este ano, ascenden a 1.250.000 euros e permitirán aos concellos mercar composteiros individuais e comunitarios.

Os concellos teñen de prazo ata o 19 de decembro para formalizar en Pleno ou aprobar en Xunta de Goberno a súa adhesión formal ao Plan Revitaliza. Este compromiso busca garantir que o concello traballará durante este mandato para cumprir coas obrigas legais de, no ano 2020, tratar alomenos o 35% da fracción orgánica do lixo que produce o municipio mediante compostaxe.

Unha vez formalizada a adhesión os concellos poderán beneficiarse de tres liñas de colaboración: formación de persoal, elaboración dun plan de residuos e subvención de compra de composteiros.

A primeira liña, de formación de persoal, pretende dar coñecementos básicos a traballares das contratas, municipais ou incluso veciños voluntarios interesados, coa finalidade de que realicen traballos ordinarios nos centros de compostaxe comunitaria (CCC) que serían tutelados polas mestras e mestres composteiros da Deputación.

En segundo lugar, os concellos adheridos poderán dispoñer dun plan de residuos individualizado para cada concello no que ademais de contabilizar que parte da poboación do municipio pode compostar de xeito individual, comunitario ou por planta de tratamento, terá en conta cuestións como o tipo de recollida ou a existencia de produtores singulares e a súa xestión. A Deputación fará estes traballos de xeito gratuíto para os concellos, xa que o custe de encargalo a unha empresa podería chegar aos 150.000 euros para cada municipio.

Os concellos que se sumen ao Plan Revitaliza poderán aproveitarse tamén de sucesivas liñas de axudas económicas. Neste exercicio vén de habilitarse unha partida de 1.250.000 euros que permitirá subvencionar a compra de composteiros individuais e comunitarios aos concellos. “Con esta cifra poderemos chegar a unha cobertura de entre 80.000 e 100.000 habitantes nun primeiro momento”, subliñou.

Trátase tamén dunha medida de aforro para as arcas municipais nun ano, xa que “temos datos dalgún concello que xa está reducindo o volume de lixo que manda a Sogama e nótao na conta de resultados. Os centros de compostaxe comunitaria retiran moita tonelada de lixo…”. Segundo os cálculos feitos polos técnicos, cada CCC instalado consigue tratar un mínimo de 16 toneladas de orgánicos ao ano. Tendo en conta que o custe medio de tratamento e transporte por tonelada de lixo na provincia está nos 191 euros -dos que 76 euros corresponden ao pago a Sogama-, o aforro está asegurado e permitiría paliar aos concellos o grave déficit que a xestión do lixo supón a día de hoxe.

También te puede interesar