É a segunda vítima de hoxe nas estradas de Galicia
Leer másO deputado provincial de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse este xoves co alcalde de Redondela, Javier Bas, para atender as demandas do Concello sobre as vías provinciais e subliñou que priorizará a mellora do último tramo da EP-2906, coñecida como Estrada do Galleiro, ata a rotonda de Santiaguiño por considerala “unha petición veciñal moi razoable” despois de que se executara unha primeira fase de reforma.
Neste encontro tamén abordaron a necesidade de actuar na EP-2901 entre Cesantes-Viso-Alxán, unha estrada moi longa con diferentes puntos de falta de seguranza viaria, polo que a Deputación de Pontevedra ten previsto construír en breve ao abeiro do Plan Móvese (Mobilidade e Velocidade Segura) varios lombos e redutores de velocidade de vehículos.
A maiores destas actuacións, dende o concello solicitouse que se mellore unha intersección coa estrada estatal e que se realicen actuacións singulares nos núcleos de maior concentración peonil.
Benítez puxo sobre a mesa a realización dun estudo integral para ver as posibilidades de actuación e reforma da EP-2900 entre Redondela-Ventosela, que ten máis de 2,5 quilómetros de lonxitude e presenta deficiencias, así como a necesidade de construción dun muro de contención na EP-2904 entre Redondela e A Portela.
Por outro lado, a Deputación de Pontevedra trasladará ao concello redondelano os proxectos dos máis de 20 pasos de peóns sobreelevados e redutores físicos de velocidade que se instalarán nas estradas provinciais para contar coa súa aprobación definitiva.
A institución provincial tamén sacou a licitación da mellora da sinalización horizontal de todas as estradas provinciais en Redondela, para pintar aquelas que non tiñan marcas viarias e renovar o pintado das que están en mal estado. A actuación suporá a mellora de 47,9 quilómetros de marcas e ten un orzamento de saída de preto de 20.000 euros.