Ciencia y Tecnología

O enxeñeiro da @uvigo Fernando Aguado, novo membro da Academia Internacional de Astronáutica

fernando-aguado

O enxeñeiro da Universidade de Vigo Fernando Aguado acaba de entrar a formar parte da Academia Internacional de Astronáutica (International Academy of Astronautics, IAA), o foro de referencia mundial do espazo, do que forman parte persoas clave no sector como directores das axencias espaciais (NASA, ESA, JAXA, Roscosmos, ISRO…), astronautas, presidentes das principais industrias, así como investigadores e científicos que desenvolven a súa actividade neste campo.

Máis de 1.200 membros de 75 países, dos que só 12 son españois, integran a IAA, que centra a súa actividade na promoción da cooperación científica internacional a través de simposios e reunións, así como o desenvolvemento de estudos e informes estratéxicos en cuestións como a exploración e asentamento no sistema solar; os pequenos satélites; a exploración da Lúa e Marte; as misións rendibles científicas de satélites; o espazo como vía para promover a paz ou a declaración de principios referentes ás actividades que seguen na detección de intelixencia extraterrestre.

“Este nomeamento é unha grande honra e recoñece o traballo colectivo que se desenvolve desde o ano 2007 por parte da Universidade de Vigo. Desde esa data, o Grupo Estratéxico Aeroespacial contou coa participación de máis de 80 profesionais, entre profesores, investigadores e estudantes que permitiron a posta en órbita con éxito de tres satélites”, explica Fernando Aguado, que se amosa convencido que cara ao futuro a cooperación entre a Universidade, o Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia e a industria galega do sector, permitirá desenvolver novos e interesantes proxectos neste campo.

Aguado, que formará parte da Academia como membro da sección das Ciencias da Enxeñaría, non agocha a alegría que sentiu cando lle comunicaron o nomeamento “xa que é unha decisión moi especial a nivel mundial”. Creada en 1960 en Estocolmo e con sede na actualidade en París, a IAA conta entre os seus membros con referentes do mundo aeroespacial como o astronauta Buzz Aldrin, membro da histórica tripulación do Apolo 11, que en 1969 chegou á superficie da Lúa e segundo home, tras Neil Armstrong, en pisar a superficie do asteroide.

You may also like