O presidente da Federación Galega de Piragüismo visitou as instalación do Club de Piragüismo de Vilaboa para coñecer as instalacións e ver as deficiencias que presentan. Unha precariedade que se resume nos trastornos que se derivan da insuficiencia de espazo dispoñible e que dispoñen dunhas instalacións “antigas e artesanais”. Co afán de mellorar a calidade da práctica deportiva dos piragüistas de Vilaboa, o clube xa posúe un proxecto redactado por un estudo de arquitectura co que pretenden levar a cabo unha modesta reforma que logre obter unhas instalacións dignas e integradas no espazo natural no que se atopan, en Areeiro, e que duplique a superficie útil interior sen que afecte ao volume externo do edificio.
José Enrique Acuña, presidente do clube, agarda que o “financiamento económico non sexa un atranco para poder levar a cabo un proxecto necesario no que tantas ilusións temos depositado”. Esta visita enmárcase dentro da rolda de contactos que a Federación Galega de Piragüismo puxo en marcha no mes de marzo para visitar os clubes asociados e poder coñecer o estado no que se atopan as súas instalacións. Ademais vaise recollendo información para facer un balance co que solicitar das diferentes administracións colaboración económica.