O deputado de Economía, Facenda e Réxime Interior, Carlos López Font, presidiu esta semana a mesa de contratación na que a Deputación de Pontevedra continuou o proceso de contratación das obras relativas á sinalización da estrada E.P. 2005, que une o Meixoeiro coa Universidade de Vigo, entre Mos e Vigo, coa apertura das plicas dos sobres nos que se contiñan os criterios avaliables mediante fórmulas matemáticas despois de que a semana pasada se abrisen as correspondentes a criterios non avaliables por este procedemento. A este concurso público presentáronse 14 empresas.
A execución da obra de mellora da sinalización na estrada provincial entre o Meixoeiro e o campus universitario vigués ten un presuposto de licitación de preto de 100.000 euros. Dentro desta obra vanse acometer entre outras accións o pintado sobre os pavimentos, o subministro e colocación de sinais, placas, barreiras de seguridade, lamas de aluminio ou a xestión de residuos de construción e demolición.