Destacados Vigo al minuto

Os veciños de Teis volven á rúa para pedir unha mellora do servizo de autobús ao Álvaro Cunqueiro

teis-entrega-firmas

Despois de entregar case 4.000 sinaturas no Rexistro Xeral para reivindicar ao Concello de Vigo un autobús directo desde Teis ao Hospital Álvaro Cunqueiro, os veciños sairán de novo á rúa este martes 22 de novembro ás 19.00 horas desde o mercado para seguir coas súas demandas.

Dende a asociación veciñal amósanse conformes co aparcamento de balde  no hospital anunciado polo goberno municipal, “pero contando cun bo servizo de autobús“. “Nótase que o alcalde ten coche oficial, porque para el non é unha necesidade contar cun bo servizo de bus desde os barrios e parroquias de Vigo cara o hospital”, lamentan.

Os veciños de Teis levan meses movilizándose para pedir esta mellora, xa que non hai ningunha liña que pase ou saia de Teis: os veciños teñen que desprazarse ata a avenida de García Barbón, para coller o H1 diante da Casa de Artes e Oficios, ou ata os Chorróns para coller o H2. Ademais, denuncian que a liña H1 non funciona nin sábados, nin domingos nin festivos.

Abertos ás solución que poidan achegar os técnicos municipais, dende a Asociación Veciñal de Teis propúxose que tanto a liña H1 como a H2 sexan ampliadas ata Teis e que a liña H1 funcione fins de semana e festivos cunha frecuencia de 30 minutos.

También te puede interesar